Na actualidade, este concello abastécese dende un depósito xeral, alimentado polo bombeo de auga situado no río Mente.

A Xunta colaborará con Riós nunha nova captación en Vendas da Barreira

A Xunta de Galicia colaborará co concello de Riós na execución dunha nova captación en Venda da Barreira. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Riós, Miguel Adolfo Domínguez, asinaron o convenio de colaboración que permite levar a cabo esta infraestrutura hidráulica que ten un orzamento de case 350.000 euros. Tal e como sinalou a conselleira, coa sinatura do convenio, Augas de Galicia pode licitar a obra e así, iniciar as mesmas este mesmo ano.

Engadiu que a necesidade desta actuación reside no feito de que o Concello de Riós abastécese dende o depósito xeral de Vendas da Barreira, alimentado polo bombeo de auga situado no río Mente. As obras consistirán na execución dunha nova captación de auga, e as conducións necesarias, que permita o transporte da mesma por gravidade dende os nacentes dun afluente do río onde actualmente se capta. Esta mellora dará servizo a unha poboación estimada de 1.800 habitantes.

Tamén se actuará na rede xeral, polo que dende o depósito-arqueta de reunión ata o punto de conexión na rede actual, no cruce co Río Mente, instalarase unha tubaxe en varios tramos cunha lonxitude distinta; e o último tramo será de fundición cunha lonxitude de máis de dous quilómetros.

A conselleira de Medio Ambiente salientou o esforzo do Goberno galego por garantir o abastecemento á poboación do rural en calidade e cantidade suficiente, mellorar a eficiencia do servizo de abastecemento municipal, o que a largo prazo xera menores custos de mantemento.

 

Quinta actuación do Plan Hurbe

Durante o encontro, a conselleira tamén recordo que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colabora co Concello de Riós na mellora da praza da Trepa, cunha achega de máis de 161.000 euros.

Esta actuación, que forma parte dos Pla Hurbe, servirá para adecuar este espazo público e recuperalo como unha área de interacción social, cunhas mellores condicións de seguridade para os seus usuarios. Cabe destacar que esta é a quinta actuación que se acometerá no concello con cargo ao Plan hurbe. En anualidades anteriores, investíronse máis de 175.000 euros en distintas actuacións.