A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou un convenio de colaboración co alcalde de Bande, José Antonio Armada, co obxectivo de mellorar o abastecemento en Corvelle.
O proxecto, no que a Xunta investirá 100.000 euros, ten como obxectivo incrementar e mellorar a garantía de subministro de auga e a capacidade de regulación desta parroquia, para o que se realizarán as obras necesarias en materia de captación e de regulación e transporte de auga. Con estas modificacións, a nova rede terá capacidade para dar servizo a unha poboacións de ata 240 habitantes.
A parroquia de Corvelle dispón dun antigo depósito regulador de escasa capacidade, no que son frecuentes as fugas. Ademais, as captacións existentes están colmatadas. Por iso, as obras consistirán no aproveitamento de dous novos afloramentos mediante cadansúa captación por avenamento do terreo. Executarase tamén un novo depósito de abastecemento de 75 metros cúbicos, que será de formigón armado.
Segundo destacou Mato, este tipo de colaboracións garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; colabórase coas entidades locais para mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.