O Auditorio Municipal de Ourense acollerá desde este martes, 21 de xuño, a exposición dos traballos realizados polos alumnos e as alumnas dos obradoiros de Manualidades e Pintura para persoas maiores, organizados pola Concellería de Asuntos Sociais, dentro do programa de envellecemento activo.
No curso de manualidades participaron un total de 45 alumnos e alumnas, cunha clara maioría de mulleres, xa que foron 41 as que seguiron o curso, por tan só 4 homes. Na modalidade de pintura, tamén foron elas as protagonistas: 38 mulleres e 10 homes.
Os cursos comezaron no mes de outubro de 2015 e continuaron ata o pasado mes de maio de 2016, dentro do programa de actividades para persoas maiores que organiza o Concello.
Este programa, destinado a fomentar a actividade lúdica e saudable e previr a dependencia, incluiu un total de 18 cursos e obradoiros, nos que participaron 739 perasoas: 577 mulleres e 162 homes.
O Auditorio Municipal tamén será escenario a semana próxima dunha actividade moi especial, o Concerto de Clausura do curso 2015/2016 da Escola de Música Municipal de Ourense.
Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Música, o martes, 21 de xuño, terá lugar o concerto a cargo da Orquestra, solistas e alumnos de linguaxe musical da escola. Interpretarán temas das bandas sonoras máis coñecidas Será o martes 21 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada require invitación que se pode recoller na Escola de Música.
A axenda musical da Escola de Música prevé unha nova cita coas Festas de Ourense. O Concerto da EMMO’s little Band, Charles Drums, Combluns, ComboK2, Los +plus , comboKatas e a Orquestra da Emmo, 7 das agrupacións instrumentais da escola, que actuarán na Praza de San Martiño o luns día 27 de xuño, ás 20:00 horas, incluído na programación das Festas de Ourense.