O programa «Cooperativismo en movemento» co que a Xunta está a achegar ás familias galegas as vantaxes e valores desta fórmula empresarial achégase o vindeiro luns 27 de xuño a Verín. A praza García Barbón acollerá, dende as 17 ás 20 horas, diversas actividades culturais entre as que se inclúen unha representación músico-teatral, xogos e unha exposición.
Esta iniciativa promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Consello Galego de Cooperativas, coa colaboración do Concello de Verín, enmárcase nun conxunto de actividades de promoción e difusión do cooperativismo que están a celebrarse ao longo de todo este mes e que culminarán o 2 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo. O obxectivo é poñer en valor os beneficios sociais deste modelo de negocio que ten demostrado a súa resistencia fronte á crise económica.
A vila verinesa acollerá un espectáculo de teatro no que participará a fundadora e cantante da compañía Mama Cabra, que conformará elenco xunto coa actriz Marta Ortiz e o músico Brais Gutierrez do grupo A tropa de trapo. Os artistas reflectirán coa súa obra os valores da responsabilidade, igualdade, transparencia e compromiso que identifican ao cooperativismo.
Esta iniciativa xa se celebrou en Redondela e, ademais de en Vilalba, estará nos próximos días en Monforte, Verín, Xinzo de Limia e Ribeiro.