Os profesionais da Unidade Funcional de Incontinencia, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, súmanse á conmemoración da Semana Internacional da Continencia, co obxectivo de animar aos pacientes, que sofren esta problemática, a desbotar falsos mitos ou reparos para procurar axuda médica e solucións desde a rede sanitaria pública de Ourense.
Pese as falsas crenzas, a incontinencia urinaria afecta tanto a mulleres -como complicación derivada do embarazo e o parto- como a homes, sendo neste último caso unha complicación común do tratamento cirúrxico sobre a próstata ou a uretra, especialmente na prostatectomía radical, afectando a entre o 8 e o 10% dos pacientes operados.
Pese a non ser un problema exclusivo da idade avanzada, afecta ao 60% dos maiores de 60 anos, de ambos sexos, o que representa unha alta incidencia provincial, tendo en conta que o 30% da poboación de Ourense ten mais de 65 anos. Pese a elo, tan só 4 de cada 10 se atreven a consultalo, debido fundamentalmente ao reparo ou vergoña, asumíndoo como unha consecuencia “normal” do envellecemento. Por elo a incontinencia é aínda está pouco diagnosticada e tratada no noso entorno.
A incontinencia provoca múltiples consecuencias físicas, como problemas de pel ou infección de ouriños, pero tamén un importante deterioro da calidade de vida, como perda de autoestima, depresión ou cambio de hábitos diarios para evitar certas actividades.
Consultar o problema na procura de solución
A correcta valoración da incontinencia garante os mellores resultados en canto ao tratamento. En moitos casos, só coa valoración en consulta, a entrevista clínica e o exame físico, pode ser suficiente para iniciar un tratamento adecuado. Nalgunhas nalgunhas ocasións é necesario realizar outras probas, como un estudo urodinámico, ou estudo funcional do comportamento da vexiga. Todas elas con plena implantación na rede pública sanitaria de Ourense.
O tratamento debe axustarse a cada paciente. Así, as veces, pode ser paliado ou resolto con sinxelas medidas xerais, ou cambios en certos hábitos de vida, pero tamén con exercicios de fortalecemento do chan pélvico; tratamento farmacolóxico ou incluso, cando esta indicado, mediante diferentes opcións cirúrxicas.
O protocolo implantado en Ourense para seu manexo integral, iníciase nas consultas de Primaria, Uroloxía ou Xinecoloxía, desde onde se deriva ao paciente a Unidade de Uroloxía Funcional, onde lle realizan a totalidade de estudos para diagnóstico, e se indica o mellor tratamento a cada caso.