Na mesma Xunta de Goberno deuse luz verde ao proxecto de reforma do Anexo dos Remedios.

A Xunta de Goberno aproba o destino de  570.000 euros para axudas de libros de texto, material escolar e comedor para o curso 2016-17. O Goberno Local asume o compromiso de que ninguén que cumpra cos requisitos da convocatoria quede sen axuda para libros de texto e material escolar e comedor.

As axudas de libros de texto e material escolar ascenden a un importe de 20.000 euros; as axudas para comedor escolar para o ano 2016, ata 67.005 euros, e as axudas para comedor escolar, ata 156.343 para o ano 2017. Estes orzamentos seguen sendo os mesmos de 2013. En calquera caso, é moi posible que as cantidades aumenten, xa que é vontade do Goberno local que ninguén quede sen axuda para libros de texto e material escolar e comedor.

Reforma do anexo dos Remedios

Déuselle luz verde tamén ao proxecto básico e de execución para a reforma da pista anexa do Pavillón dos Remedios, tal e como explicou o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa inmediatamente posterior á celebración da sesión da Xunta de Goberno.

Con máis de 40.000 accesos mensuais ao Pavillón dos Remedios, a pista de máis uso debido as súas características é o anexo de 1989 e no que de forma habitual adestran e compiten varios equipos deportivos de diferentes modalidades. Esta pista necesita unha remodelación integral para facilitar a mellora da calidade e seguridade de todos os deportistas que disfrutan da súa utilización. O proxecto a acometer é a substitución do pavimento da pista, do graderío telescópico e a instalación dun sistema xeral de acondicionamento interior atemperando a instalación por medio de un proxecto de climatización.

O Concello solicitou a axuda da Secretaría Xeral para o Deporte, que achegará a cantidade 200.000 euros, mentres que o Concello de Ourense achegará 100.000 euros.

Subvencións a entidades sociais

A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases reguladoras de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais (325.093 euros).