Portugal volve ser protagonista das Festas de Ourense coa actuación dun dos nomes máis destacados do fado: a cantante María do Ceo, que ofrecerá aos ourensáns este luns un paseo polo seu mellor repertorio.
A cita programada polo Concello terá lugar na Praza Maior, este luns, a partir das 22:30h, e ao concerto poderáse asistir de balde.
María do Ceo vén de ser recoñecida como unha das voces máis importantes do fado tradicional, de feito que xa son numerosos os medios de comunicación que a sinalan como a sucesora máis aventaxada de Amalia Rodrigues, tanto no seu estilo coma na súa interpretación.
En Ourense María do Ceo dará a coñecer os temas do seu último disco “De Portugal a Galicia Fado”, estrenado o pasado 22 de xaneiro.
Trátase dun disco doble no que fai un percorrido por temas tradicionais portugueses como “Uma casa portuguesa” ou “Passarinho trigueiro” e no que tamén canta temas fundamentais da música galega como “Lela”, “Negra sombra” ou “Quen poidera namorala”.
Máis música
A actividade musical deste luns completaráse cunha actuación dos nenos da Escola Municipal de Música, que ofrecerán un concerto ás 20,00 horas no marco incomparable da Praza de San Martiño. Os nenos interpretarán varios dos temas aprendidos neste ano para disfrute dos seus país e de todo-los amantes da música clásica.
A esa mesma hora, no xardín do Padre Feijóo terá lugar unha viaxe aos tolos anos 20 coa proxección de “O moderno Sherlock Holmes” (1924), unha das obras maestras do actor e director Buster Keaton.
A pianista ourensá Olga Brañas porálle música a unha película na que Buster Keaton é un proxeccionista que soña con ser detective e,de súpeto, atópase dentro do filme que está a proxectar. Unha película para todos os públicos, das máis aclamadas cintas do cinema mudo e chea de gags visuais.