Tamén a Asociación Cultural A Galleira organiza unhas xornadas arredor da diversidade, e OUeC presenta unha moción ao pleno do venres.

Ourense e Barbadás súmanse ao Orgullo LGBT

 

Os Concellos de Ourense e de Barbadás organizan este martes 28 de xuño actos para celebrar o  Día Internacional do Orgullo LGBT (Lesbianas, Gais, bisexuais e transexuais.

No caso da capital ourensá, as fontes das Burgas iluminaranse desde ás 10:00 da noite ata a 1 da madrugada coas cores que forman a bandeira Arco da Vella, que desde finais dos anos setenta se utiliza como símnbolo do orgullo LGBT.

O Concello de Ourense divulgará esta celebración con tres cubos informativos e 200 carteis con lemas como “O amor é amor, respétao” ou “Á tolerancia di si”, entre outros, aos que dará tamén difusión a través dunha campaña en medios sociais.

Tamén organizará un obradoiro de empoderamento sobre identidade LGBT para persoas adultas, que se desenvolverá o día 13 de xullo. No mesmo mes, haberá un segundo obradoiro en colaboración coa Xunta de Galicia, que desenvolve o programa Quérote, que terá lugar no Espazo Lusquiños co lema “Eu respéctote”.

Por outra banda, a Concellería de Igualdade e o Cine Clube Padre Feijoo colaboran para celebrar coa sétima arte o Día Internacional do Orgullo LGBT. Será neste caso, coa proxección da película “Lilting” (Reino Unido, 2014), ás 20:30 horas, na Biblioteca Pública de Ourense. En versión orixinal subtitulada ao español, e entrada de balde.

Faixa arcoíris na Estatua da Familia da Valenzá

O Concello de Barbadás tamén se une á celebración do Día do Orgullo LGTBI. Así, este martes a mediodía ccolocará unha faixa na Estatua da Familia da Valenzá (e outra na balconada do Concello) coa finalidade de visibilizar a diversidade sexual e de xénero en lugares emblemáticos do mesmo e evidenciar o compromiso do goberno con todas as persoas independentemente da súa orientación sexual. Ademais, darase lectura pública a un manifesto.

O día 29, as 19.30 haberá un contacontos nos arredores da piscina municipal cuxo titulo é “E ti, cantas nais tés?” dirixida ao público infantil, coa finalidade de comezar o proceso de sensibilización e normalización desde a infancia.

Finalmente o día 30 ás 18h na Casa de Cultura Manuel María, proxectarase o filme “La vida de Adèle”, dirixida a público adulto cun posterior coloquio entre os  asistentes. A pretensión é reflexionar sobre a necesidade de darlle visibilidade a toda a diversidade afectivo sexual.

A concelleira de Igualdade de Barbadás, a nacionalista Ánxela González, convida á veciñanza a estes actos e matiza a importancia de visibilizar e normalizar a diversidade, “da que unha sociedade sana, se debería sentir sempre orgullosa”.

Actos na Galleira

Tamén desde asociacións como A Galleira se quere reivindicar esta data. Así, este colectivo cultural organiza as Xornadas da Diversidade que iniciaron xa o martes 21 cun mural e este luns cunha ofrenda floral na tumba de Eduardo Blanco Amor, entre outros actos.

Este martes está previsto a partir das 20:30 horas o roteiro da Esmorga “A invisibilidade da diversidade afectiva na obra de Blanco Amor”, e ás 22 horas, no local social A Galleira, concerto de Gabi Reboredo, DJ e festa rachada.

Os actos continúan o mércores ás 20 horas no local social A Galleira, cunha palestra a cargo de Uxío Novoneyra e Antón Lopo sobre a correspondencia entre Ramón Suárez Picallo e Eduardo Blanco Amor. O mesmo lugar e hora, o xoves haberá o recital poético “Saca as túas letras do armario”, e o venres, conferencia do escritor Narciso de Gabriel sobre o 115º aniversario do casamento de Elisa e Marcela.

A programación remata o luns 4 de xullo no mesmo lugar e hora, co videoforum-tertulia sobre “Sexodiversidade na Turquía e Curdistán”.

Moción de Ourense en Común

Alén das celebracións, Ourense en Común rexistrou unha moción para a súa defensa no pleno do vindeiro venres 1 de xullo, de cara á concienciación e visibilización da problemática do acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico.

A moción inclúe tres acordos de aplicación por parte do  Goberno municipal: que proceda a recuperar a memoria LGTBI de Ourense, mediante a convocatoria dun premio de investigación histórica destes colectivos; que promova cursos e protocolos especiais de actuación para o persoal municipal, obrigatorios para coñecer, comprender, respectar e saber traballar coa diversidade de xénero, sexual e afectiva; e que amplíe os organismos municipais de atención a vítimas de violencia machista e violencia sexual ás persoas LGTBI.