A Concellería de Sanidade de Ourense amplía en dúas unidades a rede de gateiras instaladas na cidade. Concretamente, este martes instalou unha nova gateira na estrada da Granxa, número 31, e nos próximos días outra na couzada interior de Cruceiro Quebrado. Con elas serán xa un total de 18 ubicadas en terreos municipais.
Con elas, o Concello coa colaboración da veciñanza pretende que os gatos da rúa teñan un lugar físico concreto onde resgardarse e alimentarse en condicións máis hixiénicas para todos.
As gateiras son casetas de madeira tratada, onde os animais poden pasar o duro inverno e o caluroso verán da nosa cidade, no seu interior atopan auga e alimento, penso controlado e reposto por cidadans anónimos que se encargan de coidalos (Asociacións de Colonias de Gatos) e se encargan de manter limpa a caseta-comedeiro, o que ademais consegue eliminar o lixo e suciedade das rúas. Ademais esta instalación é a referencia para facilitar a captura dos gatos susceptibles de tratamento sanitario (vacinas, esterilización…)
O proxecto continuará coa instalación de novas gateiras, das que o Concello xa está a tramitar a colocación doutras oito unidades, sempre co obxectivo de fomentar a protección da saúde animal a traves do control da proliferación dos gatos rueiros asi como a protección da salubridade pública nas zonas con colonias de gatos.