Os Premios D.O. Ribeiro, que celebraron a súa quinta edición nunha Gala organizada polo seu Consello Regulador, reuniron este mércores a todos os actores do sector no histórico Mosteiro de San Clodio (Leiro).
Durante o evento entregáronse os galardóns aos mellores viños da D.O. Ribeiro, designados por un panel de cata de expertos, que onte mesmo participou na cata final con mostras recollidas en mercado, seis de cada categoría. O grupo de profesionais estaba formado por Mikel Zeberio, xornalista gastronómico de Deia, entre outros diarios, David Seijas, ex sumiller de El Bulli, Bartolomé Sánchez, catador e foi director da revista MiVino, Salvador Manjón, director da publicación La Semana Vitivinícola, Eufrasio Sánchez, xornalista de El Comercio de Gijón, Constantino Iglesias, da Asociación Galega de Catadores, Alberto Román García, da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Pedro Villamarín, da Asociación Gallega de Sumilleres, Lorena Alonso, da Asociación de Enólogos de Galicia e os catadores Antonio Santamaría e Antonio Raluy. O mellor viño branco de adega é para Ramón do Casar Treixadura 2015 de Adega Ramón do Casar; o mellor viño branco de colleiteiro recae en Pazo Tizón Extramundi 2015 de Pazo Tizón; e o mellor viño tinto é Viña Uzal 2015 de Julia Guntín Villanueva. Foron finalistas na categoría de branco de adega Farnadas, de Pazo Vieite; Cunqueiro III Milenium de Bodegas Cunqueiro e Expresión de Pazo do Mar, de Adegas Pazo do Mar. Na categoría de branco de colleiteiro chegaron á final Eduardo Bravo, de José González, Pazos de Albor, de Mónica Albor e Mauro Estévez, de José Estévez. E por último, en canto aos tintos, Val do Deva, de Pilar Rivera; Señorío de Beade, de A Portela e Sameirás, de Antonio Cajide, foron os finalistas.
O xornalista Cristino Álvarez recibiu o Premio “Persoeiro de Honra 2016”, en recoñecemento á súa traxectoria e máis á divulgación dos viños da D.O. Ribeiro a través das súas crónicas. Tamén se quixo homenaxear o traballo dunha vida do viticultor e adegueiro Avelino Lorenzo, co Premio Vida entre Vides. Como “Mellor Tarefa de Comunicación” galardoouse a Salvador Manjón (director da revista especializada La Semana Vitivinícola); e Mayte Santa Cecilia, directora de márketing e de compras das madrileñas tendas Bodega Santa Cecilia recibiu o Premio “Muller e Viño”.
Ademais, na cerimonia recoñeceuse aos profesionais e establecementos galegos que procuran a excelencia. En “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” destacouse ao Restaurante Galileo; o Premio “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca” foi para Santorum; e o galardón á “Mellor Taberna-Bar de Viños” recaeu en O Bacoriño. Foron finalistas O Retiro da Costiña e Restaurante Campos na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”; El Yate e La Sucursal, na de “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca”; e Adega do San Vicente e Bagos, na categoría de “Mellor Taberna – Bar de Viños”.
Entre os máis de 300 asistentes estiveron autoridades coma o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez. Tampouco faltaron profesionais chegados de toda España, como maioristas e xornalistas especializados.
O actor ourensán Sergio Pazos foi o presentador dunha cerimonia que demostrou o bo momento dos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.