Música e viño farán unha maridaxe perfecta nas Festas do Corpus 2016 este venres, con motivo da segunda edición do Enofestival de Ourense, no Bulevar Termal das Burgas a partir das 20 horas. As catro denominacións de orixe da provincia compartirán espazo coa música dos grupos Best Boy (Tui), Best Life (Ourense) e The Phantom keys (Ourense-O Grove). As entradas teñen un custo de sete euros na taquilla. A entrada dá dereito a unha copa para a cata de viños e a un viño de cortesía.
A xornada rematará co concerto da boyband máis importante de España, Auryn, no Xardín do Posío. A súa cita cos ourensáns será a partir das 23 horas, aínda que as portas de entrada ao recinto estarán abertas dende as 21 horas. O prezo das entradas na billeteira será de 7 euros, e poderán mercarse dende dúas horas antes do concerto. O grupo presentará os temas do seu cuarto disco “Ghost Twon”, publicado a finais do 2015 e que conta con colaboracións tan destacadas coma a da artista estadounidense Anastacia.
Aqueles que prefiran ritmos máis duros e afilados teñen unha cita ás dez da noite na Praza Maior co concerto de Delafé.
O cantautor vigués Gonzalo Arca será o teloneiro ás 22 horas coa presentación de “Alone at the crossroad” (2014), traballo que foi unha das revelacións musicais de 2015. A música de Gonzalo Arca bebe da tradición da música americana e mostra destellos de rock, soul, e country.
A continuación será o turno para a música de Óscar Aniello, que dará a coñecer o seu novo proxecto musical en solitario como Delafé, tras o seu paso por “Delafé y Las Flores Azules”.
O músico desgranará os temas do seu disco “La fuerza irresistible”, no que se inclúe unha variedade de estilos, dende o hip hop ao soul, funk e música disco. Todo co inconfundible parafraseado de Delafé.
Música nas rúas
As prazas do casco vello volven a encherse de música. Ás 20 horas a Praza de San Martiño acolle á banda da Factoría da Subsistencia. O grupo está composto por Sabela Dacal (acordeón, piano e coros), Josito Porto (guitarra e voz), Mon Orencio (guitarra, baixo e trompeta) e José Lameiras (batería, harmónica e theremín). O seu disco “Cerca da túa orella” está cheo de referencias a cantautores como Javier Krahe ou Nacho Vegas, te grupos como The Cure ou SurfinBichos.
A Praza do Ferro acollerá, as 21,00 horas, unha cita coa banda Coldday, unha agrupación barcelonesa especializada en versionar á banda británica Coldplay.
Teatro
O teatro de rúa correrá a cargo da actuación da compañía británica “The Chipolatas”, que presentará a súa obra “Gentlemen of the road” as 12 e as 20 horas na Alameda do Bispo Cesáreo. Os tres actores da compañía ofrecerán un repertorio musical e números cheos de xogos malabares ainda que, as veces, todo remate no chan para delicia dos máis pequenos.
Ás 20:30 horas o Auditorio de Ourense acollerá a representación da obra “Demediado”, unha particular visión da fábula “O Vizconde demediado”, de Italo Calvino, a cargo da Aula de Teatro Universitario de Ourense. A obra reflexiona en clave de humor sobre o ben e o mal, a opresión do poder e a solidariedade entre os cidadáns.