Mario González Rodríguez, licenciado en Actividade Física e do Deporte, foi designado a finais de abril como o novo xerente do Consello Municipal de Deportes de Ourense. Falamos con el para coñecer como está a ser a súa adaptación a este novo camiño profesional e que proxectos trae en mente para a cidade.
Como está a ser a túa aterraxe no Consello Municipal de Deportes de Ourense?
Mario González: “É complexo aterrar acá porque son moitas áreas. Asúmese un área que noutros concellos é a imaxe do técnico deportivo, pero a maiores está a xestión de instalacións, persoal… entón ata que estea de verdade aterrando pasarán uns meses porque é moito traballo. A sorte que teño é que o persoal que traballa aquí está colaborando moito para que comece ben, e facilítanmo”.
Que aspectos positivos e negativos destacarías da cidade?
M.G.: “Coñecendo o entorno deportivo dou- tras cidades, vexo que en Ourense está moi diversificado, que é moi positivo, o deporte minoritario ten apoio. Ademais, hai moitas instalacións deportivas na cidade, por desgraza é moi difícil mantelas todas, porque hai recursos limitados, pero vese que o sistema deportivo está moi diversificado.
Pero creo que unha das grandes carencias é a falta de actividades no medio acuático que poden realizarse no río, como travesías a nado, piragüismo, pádel suf… todo iso hai que potendialo, porque o río en Ourense está totalmente integrado na cidade”.
Como é neste momento o teu día a día?
M.G.: “O meu traballo está xirando en torno a tres aspectos: xestión de subvencións e cesión de material e instalacións para os clubs, mantemento das propias instalacións e xestión de persoal. Niso vou traballando cada día”.
Que proxectos traes en mente para Ourense?
M.G.: “Gustaríame potenciar as actividades de iniciación á natación, para que ningún ourensán, neno ou adulto, quede sen saber nadar. A nivel administrativo, gustaríame que se facilitara máis o cobro e os procesos administrativos dos abonados, para que a xente non teña que vir dúas veces para facer unha xestión. Tamén facer un aproveitamento racional dos recursos humanos, sacarlle máis partido ao que temos”.
Que che gustaría cambiar ou mellorar en canto a instalacións?
M.G.: “Un dos meus obxectivos é mellorar a sala de musculación do pavillón, sei que a día de hoxe custa moito adicar inversión e que é complexo, pero precísase cambiar a maquinaria; tamén melloras nos campos de herba sintéticas, que son empregados por uns 500 usuarios á semana, tanto no pavillón como en Oira; mellorar o parque móvil do Consello Municipal. En Oira tamén me gustaría crear un mecanismo de control de aforo, porque é unha instalación á que accede moita xente”.