Xa está todo listo para a celebración da XXV Festa de Exaltación do Pan de Cea. Degustacións, showcookings e música centrarán parte do amplo programa organizado para estas vodas de prata da celebración.
Os actos darán comezo este sábado cunha nova edición da xa consolidada Ruta dos Fornos pola vila de Cea. Nesta ruta, que se desenvolverá entre as 19 e as 22 horas, participan os catro fornos tradicionais -o da Parapeta, o do Santo, o do Abade e o do Lodaira ou Panadeira- que disporán de pinchos e viño para os visitantes. Esta actividade contará coa animación do grupo “Vai de Baile”.
Tamén, un ano máis, terá lugar a cociña en vivo da man da chef ourensá Emma Pinal, quen ás 17.30 h na Praza Maior elaborará diferentes pratos cos máis cativos, quenes despois deixarán paso os maiores que poderán probar a súa arte nos fogóns ás 19.30 horas ou ás 20.30 horas no mesmo lugar. A xornada do sábado pecharase cun concerto de LICHIS (ex-Cabra Mecánica), a partires das 23 horas na Praza Maior.
O domingo, a xornada grande
Tras a troula do sábado, chegará o día grande da festa, o domingo 3 de xullo ao Campo da Saleta de San Cristovo de Cea. Para esta xornada repartiranse entre os asistentes 2.700 pezas deste produto con Indicación Xeográfica Protexida.
Os pasarrúas de charangas serán os encargados de anunciar, dende as 10.00 horas, a xornada festiva, que continuará coa recepción de autoridades ás 12.00 horas. Media hora máis tarde, actuará a Coral de Ruada para dar paso á inauguración oficial da celebración, a partires das 12.45 horas.
Dito acto estará protagonizado polo pregón que pronunciará Óscar Pereiro, ciclista galego e gañador do Tour 2006. Tamén se prevé a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, e do seu homólogo no Parlamento, Miguel Santalices. Concluirá a apertura da XXV Festa de Exaltación do Pan de Cea cunha sentida homenaxe aos Panadeiros e Panadeiras deste municipio. A continuación, actuarán as Pandereteiras de Cea e charangas.
Durante toda a xornada do domingo, veciños e visitantes poderán participar na degustación popular de produtos galegos con distintivos de calidade, que tamén serán os protagonistas do menú do tradicional xantar da Festa de Exaltación do Pan de Cea. Dito xantar comezará ás 14.30 horas. A sesión vermú e a verbena de fin de festa correrá a cargo da orquestra Fin de Siglo.
Fornos colaboradores
Catorce fornos colaboran este ano na XXV Festa de Exaltación do Pan de Cea. Son os seguintes: O Forno da Ana, da Belarmina, do Calviño, do Carlos, do Chao Real, da Digna, do Eliseo, da Isabel, dos Lamelas, do Lodairo ou Panadeira, da María José, da Maruja, do Quintos, e da Rosa.