Despois de dous anos de ausencia, Ourense recupera este sábado a Batalla de Flores, que estará composta por oito carrozas deseñadas especialmente para a ocasión. Este regreso é unha das principais apostas do Concello de Ourense para as Festas do Corpus 2016, e pretende dar resposta ás peticións de milleiros de cidadáns por recuperar unha actividade que recordan dende que eran cativos.
Para devolver esa ilusión ós nenos oito carrozas sairán ás rúas da cidade, a partires das 19 horas. O percorrido partirá dende a nova sede da Policía Local e cruzará as rúas Mestre Vide, Avenida Otero Pedraio, Curros Enríquez, rúa do Concello, Xoán XXIII e Progreso para rematar na Praza Maior.
A animación do desfile contará ca presenza dos tradicionais Xigantes e Cabezudos do Concello de Ourense.
Outras citas do sábado
Outro dos puntos de interese do sábado é o concerto da Praza Maior, que reúne aos ourensáns Priscilla cun dos nomes míticos da música española, Coque Malla.
Ademais, a Praza do Ferro acollerá un concerto de blues a cargo de “Blues do país, o sindicato da verbena”, unha banda galega especializada en ofrecer versións de temas clásicos do soul americano pero pasados por tamiz galego.
E para os máis pequenos a Feira cultural “Río da Vida” retorna a súa ubicación do Xardín do Padre Feijóo entre 11,00 e 13,00 horas e pola tarde de 18,00 a 20,00 horas, onde gozarán de actividades de animación, obradoiros, contacontos e xogos populares.
Tamén remata neste día o Enofestival de Ourense, e pola noite o Posío acollerá a XIX edición do Ourense Dance. Á medianoite pechará a xornada un espectáculo pirotécnico na marxe dereita do río Miño, a cargo da Pirotecnia Josman.