Arredor de 3.000 personas acudiron este domingo ao Campo da Saleta de San Cristovo de Cea para asistiren á xornada grande da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano cumpríu o seu 25 aniversario. Dende a organización amosáronse moi satisfeitos pola boa acollida dunha celebración que cada ano conta con máis adeptos. Non en van, esgotáronse as 550 entradas para o xantar organizado no mediodía do domingo.
A xornada comezou cos pasarrúas de charangas pola vila de Cea para despois iniciarse os actos oficiais. Estes incluíron, en primeiro lugar, unha recepción ás autoridades asistentes á festa, por parte do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez e do secretario da IXP, Ricardo Losada. Entre eles, atopábase a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares; o presidente da Asociación Ourensana de Esclerose Múltiple, Ela, Parkinson e outras Enfermidades Neurodexenerativas (AODEM), Constantino Guzmán; o presidente de Inorde, Rosendo Fernández, e o ciclista Óscar Pereiro.
Dende a organización entregáronselle a todos eles unhas figuras de Sargadelos como agradecemento á súa participación e colaboración coa festa. A eles, cómpre engadir tamén á panadeira xubilada de Cea no derradeiro ano, Isaura Fernández Ruibal, ao membro da organización, José Dalama Moure, e á chef Emma Pinal, do Gastrobar “O Birrán”, cuxo agasallo recibíu Celso Delgado ao non poder ela asistir ao acto.
Homenaxe aos panadeiros xubilados e aos fornos colaboradores
Nestas vodas de prata da Festa da Exaltación do Pan de Cea, rendíuse unha homenaxe a todos os panadeiros e panadeiras do concello que xa se xubilaron. Entre eles atopáronse os seguintes: Tomás Louzao e Áurea Campos, María Mosquera Bernárdez, Carmen González Pérez e Generoso González Pérez, Arturo Calviño González, Gabriela Gómez González e José Fernández Díaz, Emilio Decabo e Társila Gómez, Carmen Gómez Fernández e Ramón Blanco Pérez, Camila Mosquera, Germán Mou e Eladio Iglesias, Agustina Gómez e Manuel Iglesias, José Fernández González e Milagros Calviño, Rosa Rodríguez Rebodero e José Rodríguez Losada, Rosa Pérez Campos, Emilia Pérez Campos, Fermín Rodríguez Vázquez e Julia Paloma Vázquez, Agustín Rodríguez e Pilar Ríos, Milagros Testa Noguerol e Antonio Calviño, Gumersinda Fernández Corrales, Milagros Gómez Pérez (agasallo que recolleu Emilio Decabo), Elisa Fernández, e Emilia Fernández Rodríguez. Todos eles recibiron un agasallo como recoñecemento ao seu labor profesional á fronte dos fornos tradicionais de Cea.
Así mesmo, recoñeceuse o traballo dos actuais fornos colaboradores da Festa do Pan de Cea, cuxos representantes levaron tamén un agasallo. Nesta 25 edición colaboraron un total de 14: O Forno da Ana, da Belarmina, do Calviño, do Carlos, do Chao Real, da Digna, do Eliseo, da Isabel, dos Lamelas, do Lodairo ou Panadeira, da María José, da Maruja, do Quintos, e da Rosa. Un listado de homenaxeados aos que se engadiron os restantes fornos de Cea (no concello hai un total de 18 empresas rexistradas dentro da Indicación Xeográfica Protexida).
Pregón de Óscar Pereiro
Unha vez finalizadas as homenaxes, Óscar Pereiro, ciclista galego e gañador do Tour 2006, procedeu a pronunciar o pregón co que se inaugurou oficialmente a XXV Festa de Exaltación do Pan de Cea. Na súa intervención, o deportista gabou a calidade do Pan de Cea, ao que definíu como “un alimento nutritivo e delicioso, con altas cualidades alimenticias e gastronómicas”. Facendo unha comparación co mundo do ciclismo, Pereiro indicou que o Pan de Cea “é un colíder de equipo nunha mesa para que a comida sexa boa”, xa que “un bo prato precisa sempre dos mellores condimentos”.
Tras a apertura oficial da celebración, a xornada continuou con diversas actuacións musicais. Durante este domingo repartíronse 2.700 pezas de Pan de Cea, que se combinaron con diversos produtos galegos con distintivos de calidade. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de visitar algúns dos máis de 20 stands de artesanía e gastronomía expostos nesta celebración.