A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico das asociacións de mulleres, asociacións de empresarias e dos CIMs da provincia ourensá para informarlles da nova convocatoria de axudas do Programa Emega, que na convocatoria deste ano, destina máis de 1,3 millóns de euros para o fomento do emprendemento feminino.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, contando a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o pasado venres 1 de xullo. Dita presentación poderá realizarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es
López Abella e Díaz Mouteira subliñaron a aposta do Goberno galego polo fomento das iniciativas empresariais promovidas por mulleres e así indicaron que no Programa Emega se levan investidos, dende o ano 2009, máis de catro millóns de euros, o que permitiu crear preto de 500 postos de traballo en Galicia.
Para lograr os seus obxectivos, o programa Emega porase en marcha a través de cinco liñas de actuación específicas. Así, a liña “Emprende” estará destinada a posta en marcha de novas empresas, a liña “Innova” para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres, “Activa”, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais, a liña “ITEF”, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica).
Por outra banda, están deseñadas dúas modalidades de axudas complementarias: “Concilia”, un programa de apoio a conciliación da vida laboral; e “Dual”, para apoiar a participación das promotoras no programa de titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias deste tipo de axudas as empresas ou proxectos empresariais formados por mulleres que teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia, que non `pertenzan o sector público nin sexan entidades sen ánimo de lucro.
Ademais, valoraranse entre outros criterios a calidade do proxecto, a contribución á integración laboral de mulleres en paro, con algún tipo de discapacidade ou outro tipo de situación especial ou risco de exclusión social.