O Campionato de España de BTT -nas modalides de Cross Country (XCO)- disputarase os días 15, 16 e 17 de xullo na localidade ourensá de Maceda. O evento estará organizado polo Club Ciclista Maceda e a Federación Española de Ciclismo.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou cos presidentes das federacións galega e española de ciclismo, Juan Carlos Muñiz e José Luis López Cerrón; co coordinador do Club Ciclista Maceda, Xulio Xosé Conde, e co alcalde da vila macedá, Rubén Quintas, o acordo de patrocinio por parte da institución provincial dos Campionatos de España de BTT.
A achega por parte do ente provincial ascende aos 24.000 euros. Maceda será a sede da modalidade que estará presente nos Xogos Olímpicos de Río 2016, polo que os representantes españois na cita olímpica estarán presentes neste evento.
Pablo Rodríguez
Non faltarán á cita Pablo Rodríguez e Jose Antonio Hermida. Rodríguez competirá na súa casa polo que a motivación será extra. Hermida, tamén xogará como na casa xa que a Escola de ciclismo de Maceda leva o seu nome.
Xunto a eles participarán máis de 500 deportistas durante os tres días de competición.