No pasado pleno de abril, o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción, aprobada por maioría, co fin de instar ao Goberno do PP a que adoptara compromisos e medidas urxentes co fin de acadar a reapertura da Praza de Abastos nº 2 da Ponte á maior brevidade posible. O pasado 9 de maio, eran os grupos municipais do PSOE e OUeC os que solicitaban a creación dunha Mesa de Traballo para desbloquear a Praza de Abastos nº 2 e redactar un Plan Estratéxico para as instalacións.
O Goberno do PP, tralo fracaso no procedemento aberto convocado para a xestión da praza que provocou que a súa licitación quedase deserta e o clamor popular dos veciños do barrio da Ponte, que chegaron a presentar máis de 4.000 sinaturas no rexistro do Concello solicitando a apertura inmediata da praza, accedeu á constitución dunha Mesa de Traballo.
A Comisión da Praza de Abastos da Ponte leva dende entón dúas reunións celebradas: unha o 18 de maio e outra este 4 de xullo. Tras as mesmas, os socialistas consideran “nula” esta mesa de traballo, “xa que transcorridas dúas reunións seguimos no mesmo punto de partida, coas mesmas solucións por riba da mesa: xestión integral ou xestión mixta. E o máis grave aínda, a concelleira de Comercio Ana Morenza pretende que sexan os grupos da oposición os que lle dean a solución para poder reabrir a praza, cando a súa obriga é prantexar propostas e acadar un consenso e unha viabilidade para poder ser levadas a cabo”.
Por iso, dende o PSOE solicitan ao Goberno Municipal a posta en marcha dunha xornada de portas abertas da Praza de Abastos da Ponte, co fin de que empresarios que poidan estar interesados no proxecto poidan coñecer de primeira man o seu interior e estudar a presentación de alternativas para a súa futura explotación; ademais, lémbranlle ao alcalde os “prexuízos económicos que está a ocasionar o mantemento do peche da Praza aos veciños, comerciantes e hostaleiros do barrio”, co fin de que asuma as súas responsabilidades, goberne e prantexe unha iniciativa común, sen agardar a que os grupos da oposición “lle resolvan sempre a papeleta”.