Un grupo de catro persoas que participan a través do equipo de inclusión de Barbadás na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, impulsada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, están a realizar prácticas formativas non laborais no centro de traballo da empresa “Aceites Abril S.L.”, no polígono industrial San Cibrao das Viñas.
O programa de formación, froito do convenio asinado no seu día por esa empresa coa Xunta de Galicia, desenvólvese dende o pasado 13 de xuño e comprenderá un total de 100 horas de prácticas como envasadores, ata o seu remate o día 11 deste mes de xullo.
Os catro participantes nesta actuación adquirirán novos coñecementos técnicos e demostrarán as súas aptitudes nun posto de traballo, puidendo incorporar logo esta experiencia ao seu currículo persoal co que aumentarán as posibilidades de inserción no mercado laboral.
As prácticas forman parte do plan de actuacións incluído nos itinerarios de inserción socio-laboral da administración autonómica, que os dispositivos técnicos comarcais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deseñan para os participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia.