A biblioteca da Asemblea de Cruz Vermella en Ourense acolleu a reunión do Comité Provincial, presidida por Felipe Ferreiro Feijóo. Unha xuntanza na que os membros deste órgano da Institución aprobaron a Memoria de Actividades de 2015, publicación que recolle o intenso traballo realizado o pasado ano por Cruz Vermella na provincia para dar cobertura ás necesidades amosadas polas familias, as persoas maiores, a infancia en risco de exclusión social e as persoas con capacidades diferentes, entre outros colectivos.
Na presentación dos datos da Memoria de 2015, Ferreiro explicou que Cruz Vermella contou con 41.563 participantes nos seus programas, e que moitas das persoas atendidas precisaron axuda dende distintos proxectos pola súa situación particular de especial dificultade. As máis de 226.000 intervencións realizadas durante o ano reflicten o alto nivel de traballo acometido polo persoal técnico e voluntario da Institución.
Intervención social, emprego e infancia
O presidente salientou a relevancia dos proxectos de intervención social, que contaron con máis de 16.100 participantes e máis de 117.000 intervencións. Nesta área destaca o labor dos proxectos de atención a persoas en situación de extrema vulnerabilidade ou risco social, que ofreceu prestacións económicas ou de bens a 2.960 persoas, e deu apoio a 537 persoas sen fogar, a 127 mulleres en situación de precariedade ou 366 persoas inmigrantes, entre outras actuacións.
Igualmente sinalou que dende o Plan de Emprego, Cruz Vermella tentou facer máis fácil o camiño cara o mercado laboral a 1.171 persoas que participaron en orientacións prelaborais, itinerarios personalizados e cursos de capacitación. Tamén salientou as medidas de protección á infancia en risco de exclusión social, que atenderon a un total de 200 persoas.
Ligado a estes proxectos, o labor de Cruz Vermella Xuventude foi fundamental para o éxito escolar dos nenos: 453 cativos recibiron apoio nos centros de mediación social e promoción do éxito escolar, 665 participaron no proxecto Xoguete Educativo e máis de 12.000 escolares recibiron charlas de Educación para a Saúde, Prevención de Condutas Violentas e Perspectiva de Xénero e Coeducación. As Cibercaixas hospitalarias contaron con 1.492 participantes no CHUO.
Persoas maiores e saúde
A atención ás persoas maiores seguiu sendo un dos eixos centrais da acción da Cruz Vermella na provincia de Ourense. No 2015, a organización humanitaria atendeu a 2.371 persoas maiores dende os proxectos de Teleasistencia Domiciliaria, Axuda a Domicilio Complementaria, Centro de Día e Respiro Familiar.
No ámbito da saúde, Cruz Vermella promoveu hábitos de vida saudables entre a poboación en xeral a través das redes sociais, ou con campañas e accións concretas, nas que participaron 5.095 persoas. A través dos proxectos dirixidos á atención de persoas afectadas polo VIH/Sida e á prevención do virus, 459 persoas participaron diferentes obradoiros, campañas de prevención. No que se refire a socorros e emerxencias, no 2015 realizáronse 122 servizos preventivos en distintos actos, maioritariamente de carácter deportivo e social.