Ourense en Común rexistrou tres emendas á nova Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi na cidade de Ourense, elaboradas conxuntamente co propio gremio de taxistas, tras manter esta semana unha xuntanza cos representantes da Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo de Ourense.
“Entendendo a mobilidade como unha materia nodal, de cara a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do noso municipio, e sendo Ourense a terceira cidade do Estado español coa maior taxa de tráfico rodado, é necesario deseñar unha estratexia de cidade situando ás persoas no centro, pacificar progresivamente o tráfico e tamén dar alternativas: transporte público, metropolitano e, no caso que nos ocupa, garantir as condicións óptimas do Servizo de Taxi.”
As emendas presentadas son referidas aos artigos 8, 33 e 41 da Ordenanza, que regulan respectivamente a adxudicación das novas licenzas, o pagamento do servizo, e a flota de eurotaxis, calificados como accesibles ou adaptados en termos de mobilidade reducida.
No referido á adxudicación das novas licencias, que serán outorgadas polo Concello mediante concurso público, Ourense en Común solicita que se teña en conta na valoración que os vehículos sexan eléctricos, GNV ou de baixas emisións, ademais de que adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida, como xa figura no texto orixinal da ordenanza.
No tocante ao pago do servizo, o texto recolle que o usuario efectúe o pagamento no momento en que o servizo remate, ao que Ourense en Común engade que ese pago se realice sen prexuízo de que podan establecerse polo propio Concello de Ourense bonificacións e métodos de pagamento alternativos como BonoTaxi, Convenios e outros.
A ordenanza recolle tamén que o número de taxis adaptados, ou eurotaxis, sexa suficiente para atender as necesidades da poboación, “polo que o Concello deberá achegar as medidas necesarias para que o servizo este debidamente cuberto”. Ourense en Común inclúe unha emenda a este artigo, engadindo que o Concello garanta unha partida orzamentaria anual mínima para subvencionar a compra destes vehículos adaptados, a súa homologación, mantemento e outros gastos.
A ordenanza pasará agora a ser analizada polos técnicos competentes, pasando despois as emendas, xunto cos informes técnicos, á Comisión de Pleno, na que se votará e, de ser o caso, decidiríase levar ao Pleno. De saír aprobada no pleno, habería un mes de exposición pública para que calquera poda presentar alegacións antes da súa aprobación definitiva.