O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba este 6 de xullo a convocatoria de axudas do Concello de Ourense para libros de texto, material escolar e comedor do curso 2016-17. Foi na xunta de goberno local do pasado 23 de xuño cando se aprobou destinar 243.348 euros a este efecto. A partir da súa publicación, ábrese un prazo de 15 días hábiles para que todas aquelas persoas interesadas en solicitar as axudas poidan presentar a súa solicitude no rexistro do Concello de Ourense.
“Malia que estes orzamentos seguen sendo os mesmos de 2013, o goberno local asume o compromiso de que ninguén que cumpra cos requisitos da convocatoria quede sen axuda para libros de texto e material escolar e comedor”, lembraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, no anuncio desta convocatoria, “polo que a partida asignada pode verse incrementada”, dixo o rexedor.
As axudas de libros de texto e material escolar concederanse até un importe de 20.000 euros. As axudas para comedor escolar, ata un importe máximo de 67.005 euros para 2016, cantidade que será complementada con 156.343,47 euros para o ano 2017, acolléndose á tramitación anticipada de gasto. En total, 243.348 euros.
O Boletín Oficial da Provincia convoca tamén as subvencións para asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais, cun importe de 325.093 euros.