A actuación contará cun orzamento de preto de 149.000 euros.

Medio Ambiente e Cualedro colaborarán na mellora do abastecemento das Estibadas

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, asinaron o convenio de colaboración que permitirá mellorar o abastecemento no lugar das Estibadas.

Esta actuación terá un orzamento de preto de 149.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Actualmente, o núcleo das Estibadas abastécese unicamente da auga que provén dun pozo. Coa actuación ratificada preténdese garantir o submimistro de auga ao citado núcleo, polo que se procederá a tomar auga dunha captación e conducila mediante tubaria ata o depósito das Estibadas.

Segundo destacou Mato, este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.