Queren evitar que lle pase “o mesmo que ao edificio do cárcere vello”, explican.

A AVV As Termas pide transparencia sobre os futuros usos da estación de buses

Nos últimos días os medios de comunicación fixéronse eco do estado de abandono no que se atopa o edificio do antigo cárcere situado en pleno centro da cidade. Unha situación de deteriorio que se prologa durante décadas e que non foron quen de frear ningún dos diversos gobernos municipais que tivo a cidade en parte pola complexa situación urbanística e xurídica do entorno.

O medo a que a historia se repita, neste caso co edificio da estación de autobuses unha vez se produzca o seu traslado, é algo que preocupa  especialmente ás persoas que residen directamente no entorno. Unha preocupación que dende comezo de ano se tentou resolver dende a Asociación Veciñal As Termas, ubicada na Urbanización de Vivendas Sociais xunto a Estación de Autobuses, presentando diversos escritos ante Xunta e Concello pedindo información sobre os futuros usos previstos; chegando incluso a ser tratado o tema no pleno municipal do pasado mes de xuño obtendose un acordo unánime de toda a corporación.

Dende a Asociación Veciñal As Termas aseguran que “os preto de mil veciños que residen ao carón da estación serán as máis afectados polos futuros usos que teña a zona e do futuro das liñas de autobús urbano que alí teñen parada, por elo dende a asociación estaremos activos para que se nos informe e se se nos teña en conta”, adiantan.

Así, o seu presidente, Ángel Gómez, fai un chamamento: “as décadas de abandono do edificio do cárcere xa non hai forma de recuperalas, pero si se pode previr que ocorra o mesmo co edificio da actual estación de autobuses unha vez se produza o seu traslado para a nova estación intermodal. É momento de buscar de maneira consensuada novos usos previndo que unha vez trasladado o equipamento actual quede abandonado”.