Este ano, na VIII edición da “Festa da Palabra”, lembrarase ás irmás Pura e Dora Vázquez. A cita será o vindeiro sábado 16 de xullo ás 19:00 horas na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), onde tamén se entregarán os Premios “Insua dos Poetas” 2016. Ao remate do acto, haberá unha degustación de produtos ourensáns. Como sempre, a entrada é libre.
Desde o ano 2009, a Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a “Festa da Palabra”, una cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán. A primeira edición (2009) estivo dedicada ao intelectual e galeguista (homenaxeado nesa ano das Letras Galegas) Ramón Piñeiro. A segunda edición (2010) estivo dedicada ao escultor ourensán Arturo Baltar. En 2011, terceira edición, estivo dedicada a Xosé María Díaz Castro, coincidindo cos 50 anos da publicación de “Nimbos”. A cuarta edición (2012) estivo dedicada a Celso Emilio Ferreiro. En 2013, a quinta edición da Festa da Palabra tivo como protagonistas aos poetas do Rexurdimento, coincidindo co 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro. A sexta edición (2014) estivo adicada a Eduardo Blanco-Amor e o ano pasado, a sétima Festa da Palabra lembrou a Francisco Luis Bernárdez.
Esta cita anual non sería posible sen o apoio e patrocinio da Deputación de Ourense, da Consellería de Cultura, Educación e Ord. Univ., do Concello do Carballiño e da Consellería do Medio Rural.
A Fundación Insua dos Poetas vén desenvolvendo actividades vencelladas ao mundo da cultura (literatura, arte ou audiovisual), á educación e ao medio ambiente, desde 2008, cando Luís González Tosar, o seu presidente, decidiu converter una finca de 6 hectáreas herdada do seu pai, nun lugar onde exaltar e promover o diálogo entre cultura e natureza e convertir ese espazo nun lugar de uso público.