O Concello de Allariz iniciou, nas pasadas semanas, as obras de acondicionamento na rúa As Laxas, nas inmediacións do centro de saúde.
A brigada municipal levou a cabo a escavación dos terreos nunha parcela, de 740 metros cadrados, de propiedade municipal na que se acondicionou un aparcamento en superficie con capacidade para 15 vehículos. Nestes días, procedeuse á reparación do asfaltado no primeiro tramo da rúa substituído por un lousado de adoquín.
Despois das festas patronais a brigada municipal encargarase da reparación do segundo tramo da rúa As Laxas, con aglomerado en quente.
A reforma, ademais, mellora a seguridade da rúa así como a súa estética, dando prioridade aos peóns. A reorganización do tráfico rodado da zona así como a renovación da sinalización vertical e horizontal son aspectos incluídos no proxecto.
A actuación conta cun orzamento de 55.000 euros dos que 29.500 corresponde á achega de Vicepresidencia da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental e o resto será achegado polo Concello con fondos propios.