O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou ao polígono industrial do Vinteún como un dos referentes industriais da provincia ourensá, sumando preto de 500 traballadores e contando con empresas punteiras e internacionalizadas, que levan a marca Galicia por todo o mundo. Conde reuniuse cos empresarios do parque industrial para analizar os seus proxectos de futuro, as súas necesidades para impulsar a competitividade do polígono, e os eidos de mellora “nos que podemos traballar xuntos para crear emprego”.
Ese traballo conxunto, dixo o conselleiro, será clave para que “Ourense sexa cada vez máis industrial”, consolidando ao polígono como un dos piares fabrís da comarca. Símbolo desa posición de referencia, dixo Conde, é o Grupo Cuevas, que tamén visitou o conselleiro. “Unha empresa familiar de cuarta xeración que o ano que vén cumprirá 150 anos”, e que conta cunha presenza en 27 países dos cinco continentes.
Esa presenza, apuntou, simboliza o compromiso do tecido industrial galego coa creación de postos de traballo, e coa súa apertura ao exterior. O conselleiro puxo ademais á compañía como exemplo de compromiso co emprego, resaltando que conta con máis de 400 traballadores, e que experimentou un impulso á contratación constante nos últimos anos.
Conde salientou que ese esforzo empresarial, que se estende por toda Galicia, sumado ao labor da Xunta, está a ser clave na creación de novos postos de traballo, especialmente de emprego industrial. “E vamos polo bo camiño, cuns datos que amosan que temos menos paro que cando o presidente Feijóo chegou á Xunta” e tivo que facer fronte á crise económica e a dous recesións consecutivas, destacou o conselleiro, cun mes de xuño que Galicia pechou con 21.742 desempregados menos que no 2015.
Unha das causas dese repunte, sinalou o conselleiro, é o bo ritmo na creación de novas empresas. Neste senso, puxo a Ourense como exemplo dese círculo virtuoso que permitiu que no que levamos de ano, se teñan creado na provincia máis de 270 empresas, preto dun 15 % más que en 2015, resaltou Conde.