O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las ofrécelles aos seus visitantes un percorrido pola realidade evolutiva do ser humano a través dunha mostra temporal que afonda nas dinámicas de relacións entre as persoas desde as súas orixes. ‘Evolución en clave de género’ é o título desta exposición itinerante promovida polo Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana e que foi inaugurada este venres.
A través dunha vintena de paneis, “temos a oportunidade de viaxar por unha realidade evolutiva na que a supervivencia e a reprodución son a base para o avance da especie, unha consecución na que tanto homes coma mulleres xogan un papel fundamental”, afirmou durante a presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Compromiso coa ciencia e coa cultura
“Este proxecto enmárcase no compromiso coa ciencia e coa cultura como partes esenciais do desenvolvemento da nosa sociedade”, dixo o secretario xeral, quen destacou a capacidade da exposición para “sistematizar e ofrecer unha imaxe elocuente e innovadora” do que foi a convivencia entre mulleres e homes nos comezos da presenza do ser humano sobre o planeta.
O público que visite nas próximas semanas esta mostra terá a oportunidade de entender dun xeito máis acorde coa realidade como se desenvolveu a configuración da nosa sociedade nas súas orixes e poderá facelo “desde este punto de referencia para a difusión da pegada das civilizacións prehistóricas que é este Parque Arqueolóxico da Cultura Castraxe de San Cibrao de Las”, afirmou, un espazo fundamental para coñecer a cultura castrexa do noroeste peninsular, a través dun dos seus elementos máis significativos: o castro.
O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa
Situado en San Cibrao de Las, nos concellos de San Amaro e Punxín, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa da Consellería de Cultura e Educación ofrece as claves da cultura castrexa en Galicia a través dos seus asentamentos: os castros. Este conxunto arqueolóxico destaca pola gran superficie que ocupa, aproximadamente unhas 10 hectáreas, e polo bo estado de conservación deste castro representativo da etapa final da cultura castrexa, que se calcula que foi habitado desde o s. II a.C. ata o s. II d.C.