14 actuacións é toda a proposta de lecer que organiza a Concellería de Cultura de Ourense ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro, englobada por segundo ano baixo o lema “Verán Cultural”.
A praza de San Martiño será a ubicación dos concertos, un espazo que se presta especialmente. “A praza é pequena, pero acolledora, e cunhas escaleiras que fan de anfiteatro, o que converte o espazo en moi acaído para este tipo de actos”, dicía Manuel Freire, técnico da Concellería, antes de presentar o calendario, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias.
Os concertos comezan este xoves 14 con De Vacas. O seguinte xoves, o 21, haberá unha excepción: Asacocirco, unha actuación de teatro que combina tamén malabares e lume. A seguinte cita musical será o 28 de xullo con A Banda da Balbina, que xa tocaran o verán pasado.
Xa en agosto, o día 4 actuará Vaia Trío, o día 11 Uxía e Narf, o día 11 Samuel Leví y los niños perdidos, e o 25, Los Mecánicos.
O 16 e 17 de agosto serán outras dúas excepcións neste calendario. Son as datas das Xornadas de Folclore, e do concerto de Silvia Alonso. En ambos os dous casos o escenario será a praza Maior.
No mes de setembro, o xoves 1 tocarán Delicatessen Group, o xoves 8, Fado Violado, o xoves 15, Rosa Cedrón con Emilio Rúa, o xoves 22, Tonichi y Pacheco (que tamén repiten do ano pasado) e finalmente o xoves 29 Sleepwalker despide a programación.
Todas as actuacións son ás 23 horas (agás os concertos de setembro, que se adiantan ás 22 horas, e o de Silvia Alonso, que será ás 22:30 horas) e teñen carácter gratuíto.
A edil de Cultura agradeceu “a implicación da Xunta de Galicia, que a través de Agadic que impulsa a maior parte dos concertos dos xoves, da Deputación, coas Xornadas de Folclore, e tamén dos hostaleiros da Praza de San Martiño, que programan dúas actuacións”,