A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia este luns as obras de reparación da Ponte do Milenio. Este contrato foi adxudicado a Extraco Construccións e Proxectos S.A por un importe de preto de 453.000 euros. O prazo de execución das obras é duns seis meses aproximadamente.
As obras consistirán no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.
Así mesmo, retirarase a vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.
Estas accións poñerán de novo a punto e devolverán toda a funcionalidade a unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense convertido nun elemento representativo da cidade.