Responsables do Hospital Universitari Vall d´Hebron visitaron o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, para coñecer o funcionamento do novo sistema de recollida en baleiro das mostras de tecidos para análise, que limita o emprego de formol, reducindo así os riscos de exposición a esta substancia, e que foi implantado, por vez primeira nun hospital galego, o pasado mes de febreiro desde o Servizo de Anatomía Patolóxica.
Para a posta en marcha deste novo sistema que garante a seguridade, integridade e conservación das mostras de tecidos desde a súa extracción e recollida, nos quirófanos, ata seu procesamento no Servizo de Anatomía Patolóxica, limitando o uso e exposición ao formol, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense realizará un investimento cuatrianual de 231.800 euros, o que permitíu dispoñer, xa este ano, de novo equipamento para a preservación mediante vacío. Para elo situáronse dous equipos de selado de mostras biolóxicas ao baleiro (TissueSAFE), no bloque cirúrxico, que permiten conservar os tecidos ata súa recepción en biobanco, e dous mais de fixación automatizada controlada de mostras (SealSAFE) no Servizo de Anatomía Patolóxica.
Asemade, para dar unha resposta adaptada ás necesidades e volume de actividade dos distintos puntos de extracción mostras pequenas (biopsias, puncións, etc.) o complexo adaptouse a un novo sistema máis seguro e que evita o manexo directo de formol, mediante o uso de envases precargados neste fixador, que evita o manexo desta substancia e, ao estar dotados dun sistema de control de emisións de vapores tóxicos, evita a exposición aos seus gases.
Seguridade das mostras e limitación dos riscos
Todas estas medidas están dirixidas a eliminar o uso de formol alí onde é posible, limitar seu manexo e, por riba de todo, reducir os riscos derivados da exposición e uso desta substancia, porque o formol, ou formoldehido, pese a ser a substancia empregada universalmente como conservante e fixador dos tecidos, é altamente tóxica, irritante, volátil, inflamable e está clasificado pola Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (OMS) como sustancia canceríxena de Grupo 1.