A Concellería de Xuventude abre este luns o prazo de inscrición do programa Embárcate 2016, unha alternativa de lecer estival para a mocidade de Ourense durante os meses de xullo e de agosto. Os seus obxectivos, fomentar a actividade física e os hábitos saudables, adquirir valores coma o respecto á contorna natural, o compañeirismo e o traballo en equipo, así como a afición polas actividades deportivas acuáticas e a natureza, o patrimonio etnográfico-cultural e a conservación do medio ambiente. Porén, a máis importante é a de “ofertarlles actividades de tempo libre como alternativa de lecer durante as fins de semana aos mozos”, en palabras da concelleira Sofía Godoy.
Saudando ao sol
Vivir o verán na cidade pode chegar a ser certamente estresante, por iso a primeira actividade do Embárcate quere experimentar o ioga e a meditación nun espazo urbán libre de asfalto para sentir a vibración do son de instrumentos sagrados. Sesións de ioga e pilates, relaxación e meditación series dinámicas, adaptadas ao grupo, de fortalecemento, estiramento e harmonización dos chakras coa fin de lograr una maior consciencia corporal, claridade mental e saúde física e emocional. Esta actividade vai dirixida a maiores de 15 anos e hai 20 prazas. Desenvolverase en horario de 10:30 a 12:00 horas no parque do Barbaña e na zona do Tinteiro. Só é preciso roupa cómoda, unha esterilla ou mantiña.
Sábados de Aventura (barranquismo e rafting en augas bravas)
O Barranquismo pasa por ser unha das actividades de aventura máis completas e emocionantes, xa que consiste en descender pola canle dun río camiñando, saltando, nadando, e permitindo coñecer lugares de riqueza natural única. Co rafting, pola súa banda, descenderase o río Miño a través de augas bravas navegando en balsa inchable, e dirixidos por un guía. Ambas actividades son para 20 persoas maiores de 18 anos. Realizaranse en Arbo o vindeiro sábado 23 de xullo, e precísase contar con zapatillas con sola de goma ou escarpíns, bañador, camiseta, toalla, roupa e calzado para cambiarse, crema solar e gafas de sol.
Coñece o Miño en kaiak
Por último, a área de Xuventude propón, a través do Embárcate, un paseo polo río Miño en kaiak dende Castelo de Miño até o Balneario de Laias, onde os participantes poderán acceder á piscina termal. Hai 20 prazas para maiores de 18 anos para unha actividade que terá lugar o sábado 9 de agosto. Coma no caso anterior, só é preciso levar: zapatillas con sola de goma ou escarpíns, bañador, camiseta, toalla, roupa e calzado para cambiarse, crema solar, gafas de sol.
As prazas nas actividades, completamente gratuítas, serán por orde de inscrición na OMIX de Ourense (praza San Martiño nº 2 baixo) ou ben a través do enderezo electrónico xuventude@ourense.es