Mércores e xoves, no Centro Cívico de Colón e o Espazo Lusquiños, haberá actividades para apoiar a diversidade sexual.

As Concellerías de Igualdade e Xuventude do Concello de Ourense rematarán as actividades con motivo do Día do Orgullo LGTB+ con dúas actividades formativas programadas para os vindeiros días mércores 13 e xoves 14 de xullo: por unha banda, un Obradoiro de Empoderamento e Celebración das Entidades LGTBQI e, pola outra, unha xornada de Diversidade de xénero e fomento da educación en igualdade, en colaboración co centro Quérote+.

A primeira das actividades, que terá lugar ás 18:00 horas do mércores no Centro Cívico de Colón, pretende ofrecerlle á comunidade LGBTQI referentes positivos e ferramentas para lidiar coa discriminación, prexuízos ou violencia a través do empoderamento. Co claro obxectivo de coidar e valorizar estas persoas, tanto na vivencia persoal coma no contexto social, o obradoiro abordará temas coma a identidade ou a autoestima; historia e referentes.

O xoves 14 de xullo, a Concellería de Xuventude en colaboración co centro Quérote +, impartirá unha xornada baseada na introdución de conceptos relativos á sexualidade e á afectividade para o fomento de actitudes que permitan a non discriminación por motivo de orientación do sexo nin por identidade sexual: Divers@s. Este obradoiro planéase dende unha perspectiva dinámica e interactiva, nun proceso de retroalimentación no que compartir experiencias educativas e, deste xeito, construír ferramentas aplicables no proceso formativo integral. Levarase a cabo no Espazo Lusquiños da avenida de Marín de 11:30 a 13 horas.

Inscrición

Para anotarse a calquera destes dous obradoiros, non hai máis que acudir á  Concellería de Xuventude, na praza de San Martiño, ou a través do teléfono 988 38 81 54 ou do enderezo de correo electrónico xuventude@ourense.es.