A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ven de iniciar as obras de urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, unhas obras que se enmarcan no convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación e o Concello de Ourense, e que foron adxudicadas á empresa Construcciones Taboada y Ramos por 1.047.376euros.
Os traballos a executar, cun prazo inicial de cinco meses no que se tratará de acurtar na obra, consistirán na construción de dous viais, un deles, o máis extenso e lonxitudinal con respecto á fachada este do Complexo Hospitalario, e outro perpendicular a este. O primeiro terá unha lonxitude de 165 metros e un ancho total de 24,1 metros, con calzada con dous carrís e prazas de aparcamento e beirarrúas a ambos lados. O segundo vial terá unha lonxitude de 28 metros e un ancho de 20 metros, prevendo tamén beirarrúas e aparcadoiros.
As obras centraranse primeiramente, na realización de movementos de terras para a formación da explanada, e posteriormente, na execución de firmes na calzada e pavimentación de beiravías e entrada de garaxes. Tamén se colocarán estruturas de contención mediante a execución de muros de formigón armado e instalaranse redes de abastecemento, saneamento, alumeado, telecomunicacións e gas natural.