O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no ciclo de almorzos tecnolóxicos organizado por Tecnópole. No marco deste encontro informal con empresarios, Conde asegurou que “Tecnópole é neste momento o corazón industrial e tecnolóxico de Galicia, coas súas 91 empresas desenvolvendo un ecosistema de innovación moi importante en diferentes sectores, como o aeronáutico, o agroalimentario e o biotecnolóxico”.
Ver o futuro en clave industria 4.0 foi un dos retos destacados polo conselleiro ante a trintena de empresarios que se deron cita no Parque Tecnolóxico de Galicia para participar neste encontro de aforo reducido, co obxectivo de facilitar o debate. Conde asegurou que a competitividade está na innovación e tamén en pensar en global. “Unha empresa en Tailandia pode estar deseñando un produto que en cuestión de horas sairá impreso aquí mesmo en 3D”, citou como exemplo.
Centrado nas fórmulas que a Xunta está a promover para impulsar a competitividade empresarial con base na innovación, o conselleiro afirmou que é imprescindible a colaboración público-privada, incidindo en que é necesario incrementar o gasto empresarial en innovación.
Campamento tecnolóxico
Despois do almorzo con empresarios, o conselleiro de Economía visitou os participantes no único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) reúnen desde a semana pasada un grupo de 38 rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que traballan en proxectos de innovación no marco dun programa de actividades que mestura a aprendizaxe coa diversión.
“O T2W é unha nova oportunidade de trasladarlle a cultura da innovación aos máis novos. O Parque Tecnolóxico é unha referencia neste eido, coas Aulas Tecnópole, a Galiciencia, os talleres de robótica e este campamento de verán”, valorou Conde.
Durante o percorrido, puido coñecer proxectos como a aplicación móbil creada por dous rapaces de 13 anos para compartir ideas ou un órgano de música desenvolvido con cubetas de auga e electrodos.