Coren vén de poñer en marcha unha innovadora planta de tratamento de residuos gandeiros en Celanova, anexa ao seu centro de selección xenética de porcino. As instalacións foron presentadas este mércores polo presidente do grupo alimentario ourensán, Manuel Gómez-Franqueira, aos conselleiros de Economía, Francisco Conde, e de Medio Rural, Ángeles Vázquez.
Precisamente a Xunta de Galicia colaborou na financiación desta infraestrutura achegando 373.000 dos 1.245.000 euros do investimento total, no marco da Alianza Estratéxica de I+D+i establecida en 2015 entre o Grupo Coren e a Administración autonómica -a través do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC)-.
Esta pioneira planta naceu co obxectivo de ofrecer alternativas que permitan o bo manexo dos residuos orgánicos das granxas. Coren emprendeu este proxecto Valorpur tras verse obrigada a pechar o Centro Tecnolóxico Ambiental da Limia como consecuencia do último decreto enerxético. A planta permitirá rexenerar 23 millóns de litros de xurros que se producen anuamente na granxa anexa, con capacidade para 2.000 porcas de cría.
O proceso separa a parte sólida do xurro, á que se lle dará un uso agrícola como abono ou ben se empregará como biomasa, da parte líquida, que mediante un proceso de depuración a través de plantas macrófitas flotantes, será apta para a rega e se destinará a rexenerar máis de 400 hectáreas de pastizais. “Un punto de partida fundamental de cara a solventar un problema a nivel medioambiental que ten Galicia, que son os puríns das granxas”, apuntaba a titular de Medio Rural, recordando que na nosa Comunidade hai máis de 270.000 explotacións porcinas das cales 2.000 son industrias.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, poñía en valor a colaboración entre Xunta e Coren a través da unidade mixta de investigación na que se están a investir 24 millóns de euros e que está a desenvolver un total de sete proxectos, un deles este de Valorpur. “A suma de esforzos entre o CTC e Coren é o camiño axeitado para poder diferenciarnos desde o punto de vista do produto e dos procesos”, afirmou Francisco Conde, confiando en que este proxecto “vai permitir consolidar a posición de Coren”.
Nesa liña, o presidente de Coren salientaba a importancia do I+D, que non debe verse como un gasto senón “como unha auténtica inversión” para poder competir nos mercados globais. Gómez-Franqueira puña o acento en que “nos tempos nos que estamos, poder competir e lograr as esixencias do consumidor en canto a medioambiente e benestar animal e conseguir niveis de proteína de altísima calidade só se consegue con colaboración conxunta, como é neste caso coa Xunta de Galicia para desenvolver proxectos desta magnitude”.