O grupo municipal do BNG de Baños de Molgas quixo puntualizar o comunicado remitido polo grupo socialista no mesmo municipio no que daba por roto o pacto de goberno. Nun comunicado asinado polo alcalde e voceiro nacionalista Xaime Iglesias, este subliña que “non había, en Baños de Molgas, bipartito ou goberno de coalición entre ambos grupos. O BNG estivo, e está a gobernar, en minoría dende o primeiro instante desta lexislatura”.
Ante a posible moción de censura – o PSOE abría a porta a negociar co PP naquel comunicado- Iglesias afirma que o BNG «non vai malgastar un só minuto do tempo que lle ten que adicar ao goberno municipal, en establecer estratexias políticas para impedir tal feito”.
“Débese aos veciños e veciñas deste Concello, votantes ou non, e traballará até o derradeiro segundo da súa lexislatura, nas funcións de goberno, para intentar cumprir o contrato asinado coa cidadanía de Baños de Molgas”, engade o alcalde nacionalista.
Xaime Iglesias tamén considera que o comunicado socialista “só sementa a confusión e o desánimo” entre os veciños e cre que “se esta é a fórmula elixida para desestabilizar ao goberno municipal do BNG, non só non funciona, senón que nos afianza no noso compromiso cos veciños e veciñas de Baños de Molgas.