Os colectivos asistentes á xuntanza convocada por PSOE e OUeC criticaron a falta de rigor do PP na periodicidade das convocatorias.

Convocada por Ourense en Común e o Grupo Socialista, o Centro Cívico Colón acolleu este mércores unha nova xuntanza da Mesa Municipal de Mobilidade, con presencia de colectivos como a Asociación Miño, Masa Crítica, Sindicato de Policías Municipais, o Comité de Autobuses Urbanos, Amigos da Terra, a Asociación de Persoas con Discapacidade, AAVV Seixalbo ou representantes de CCOO en materia de transporte.

A orde do día da xuntanza incluía no primeiro punto facer balance deste órgano e analizar o seu futuro. Os colectivos presentes concordaron en que a mesa é unha ferramenta positiva e esencial, de ser realmente participativa, e lamentaron que o equipo de goberno do Partido Popular estea desaproveitando a oportunidade de escoitar e recoller demandas que poden enriquecer a mobilidade no Concello.

A falta de rigor na periodicidade das convocatorias foi outro dos peros dos presentes, que botan en falta que o goberno estableza un rumbo determinado, con obxectivos e unha visión de futuro para a cidade, cun cronograma de traballo establecido e unha mellor comunicación e seguimento das accións que se acometen nesta materia. En todos os casos, os colectivos critican que o traballo achegado en anteriores convocatorias da mesa, non se vexa reflectido nas accións acometidas, nin se lles informe de se está sendo tido en conta.

Transporte metropolitano

No segundo punto a tratar na xuntanza, referido ao transporte metropolitano, houbo consenso dos colectivos na falta de información na Mesa Municipal de Mobilidade sobre as consecuencias, obrigas e deberes derivados da sinatura do convenio, interpretando que, ao deixar de lado a parte técnica sen definir as paradas, o proxecto corre o risco de colapsar aínda máis o tráfico na cidade. Os presentes incidiron novamente na necesidade dunha estratexia global de cidade na que incluír este tipo de planificacións, considerando prioritario facilitar un bo servizo de transporte público para o acceso aos puntos de atracción da contorna como centros deportivos, de ocio ou polígonos industriais e empresariais da área metropolitana.

En canto ao grupo creado específicamente para o estudio da mobilidade en bicicleta e a pacificación do tráfico en Ourense, o colectivo Masa Crítica, participante deste grupo de traballo, cuestiona os seus resultados ao non existir unha folla de ruta definida e unha estratexia global; como en outras xuntanzas da Mesa, este colectivo incidiu en que o carril bici non é a solución para integrar a bicicleta na cidade, unha iniciativa que debería contar antes cunha visión técnica e estratéxica para asegurar que a cidade teña espazos que garantan a coherencia e a convivencia nos múltiples proxectos da cidade en todas as escalas, poñendo no centro ao peón.

No tocante á campaña escolar, a mesa acordou facer un chamamento ao Goberno municipal para que asuma as propostas presentadas no pasado, e, de consideralo necesario, que solicite a colaboración dos colectivos e organizacións presentes de cara á procura dunha solución da aglomeración de vehículos ás portas dos centros educativos durante o próximo ano escolar.

Os asistentes á reunión acordaron redactar un requirimento dirixido ao equipo de goberno do Concello, para mellorar a eficiencia e operatividade da Mesa Municipal de Mobilidade no futuro, suxerindo a fixación dunha periodicidade na convocatoria, a implementación de protocolos como levantamento de actas, recollida de propostas, resolución de achegas e emendas, a definición de obxectivos e dotación de medios económicos e persoais para a súa consecución e a mellora da comunicación entre o goberno municipal e os axentes sociais representados na Mesa Municipal de Mobilidade.