A Consellería de Política Social está a dar os últimos pasos para a posta en servizo do centro de día de Maceda, que se integrará na rede autonómica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e responsables da empresa Troncoso S.L. –a adxudicataria da xestión do centro-, visitaron os catro módulos do edificio para supervisar os últimos detalles da súa posta a punto (pequenas reparacións, limpeza integral e arranxos de xardinería entre outros).
O centro terá unha capacidade máxima de 60 prazas, aínda que comezará operar de xeito gradual –como é habitual nestes casos-, con 25. A previsión é que esas instalacións para a atención diúrna aos maiores, tamén dos derivados dende concellos da área de influencia de Maceda, abran xa as súas portas no mes de agosto, co obxectivo de recibir aos primeiros usuarios en setembro.
O Goberno galego enviou recentemente ao Concello de Maceda o convenio de colaboración entre ambas as dúas administracións para a xestión e financiamento do centro, paso previo –xunto coa aprobación dese documento polo consistorio- ao inicio do proceso de adxudicación de prazas.
Cando entre en funcionamento o de Maceda, a rede de centros de día de titularidade autonómica estará formada por 57 centros. A oferta da Xunta de Galicia complétase con 6 fogares residenciais, 1 residencia e 6 vivendas comunitarias.