Celebrarase os días 15, 16 e 17 de xullo.

Maceda acollerá o campionato de España de BTT

O Campionato de España de BTT -nas modalides de Cross Country (XCO)- disputarase os días 15, 16 e 17 de xullo na localidade ourensá de Maceda. Tres días para que os afeccionados ao ciclismo teñan unha cita inescusable na nosa provincia. O evento estará organizado polo Club Ciclista Maceda e a Federación Española de Ciclismo.

Na xornada do venres disputarase, a partir das 18 horas, os relevos por selecciones autonómicas; nesta proba participarán representando a Galicia os ourensáns Iván Feijoo, Pablo Rodríguez e Marcos Villar e a ciclista Lucía Vázquez. Nesta proba o combinado galego é favorito xunto a Cataluña e Andalucía.

O sábado disputaranse as probas máster pola mañá e pola tarde serán os adestramentos oficiais para as probas do día seguinte, e ás 20 horas dará comezo polas rúas de Maceda o “Eliminator” absoluto masculino e feminino.

E xa o domingo chega o plato forte. Primeiro as carreiras femininas. A primeira delas será a de elite (9:30 h), para seguir coas de sub 23, júnior, máster 30, 40, 50 e 60; entre saída e saída, un minuto de diferenza. Ás 11:15 h terá lugar a júnior masculino e para ás 13:15 horas será a saída da elite masculina. Un minuto despois, turno para o sub 23 masculino.

O circuíto (preparado para a ocasión) ten unha lonxitude de 4 quilómetros tendo que dar, os de elite masculina, sete voltas.

Pablo Rodríguez
Non faltarán á cita Pablo Rodríguez e Jose Antonio Hermida. Rodríguez competirá na súa casa polo que a motivación será extra. Hermida, tamén xogará como na casa xa que a Escola de ciclismo de Maceda leva o seu nome e ten raíces macedáns. Tampouco se perderán a cita os outros tres mellores bikers do panorama nacional: Sergio Mantecón, Carlos Coloma e David Valero, estes dous últimos representarán a España nos Xogos de Río xunto a Hermida.

Xunto a eles participarán máis de 500 deportistas durante os tres días de competición.
Calquera dos cinco serán claron candidatos ao título nacional, tendo en conta que se xogaron a súa presenza en Río 2016  hai 15 días polo que están nun estado de forma excepcional.

Ourensáns
Ademais de Pablo Rodríguez, outros ourensáns que teñen aspiracións de subirse ao podio son Iván Feijoo (en categoría júnior); Saúl López (elite) e Marcos Villar (sub 23). Tamén haberá que estar atentos a ciclistas como Antía Martínez e Xiana Conde.

Centro especializado
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, adiantou que para setembro ou outubro, “Maceda será sede dun centro especializado de BTT, a través dun convenio que estamos pendentes de asinar o concello e a Secretaría Xeral para o Deporte, imos facer unha pista de pump track, para facer desta vila a capital do ciclismo galego, cunha inversión de aproximadamente 60.000 euros, para ter a primeira pista destas características en Galicia”.