A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada este 15 de xullo no Pazo Provincial aprobou axudas por importe total de 292.087,64 euros destinados a concellos e asociacións da provincia de Ourense para actuacións relativas a temas de infraestruturas, medio ambiente e cultura.
En concreto, aprobou tres axudas á Diocese de Ourense, destinadas todas elas, ao arranxo da cuberta de Igrexas parroquiais no termo municipal de Muíños. En concreto, para a de San Pedro de Fornadeiros e para de Santa María de Souto de Limia, 6.000 euros cada unha, e para a de Santiago de Couso de Salas, 3.000 euros.
No eido cultural, aprobou unha axuda de 30.000 euros para a Fundación Cultural Privada Otero Pedraio e outra por importe de 6.000 euros para Orfeón Unión Orensana, ambas destinadas a gastos de funcionamento e mantemento das entidades correspondentes ao ano 2016 e ao ano 2015, respectivamente. E, no relativo a temas medioambientais, aprobou unha axuda para Unións Agrarias – UPA, de 1.950 euros, para un curso de manipulador – aplicador de produtos fitosanitarios de nivel básico.
Outras axudas
Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou oito axudas para concellos da provincia, sendo dúas delas para o Concello de Baltar destinadas á realización de reparacións de accesos municipais por importe de 100.000 euros e para realizar melloras e novo equipamento para o servizo dos usuarios da piscina municipal por 50.000 euros. O Concello de Bande recibirá 16.357, 64 euros para a renovación da capa de cobertura da Casa Consistorial. Para o Concello da Bola aprobou dúas axudas, unha de 10.000 euros destinadas ás terceiras xornadas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e outra de 15.000 euros para a implantación dunha liña de autobús que prestará servizo tres días á semana coa finalidade de facilitar aos veciños o seu desprazamento ao centro de saúde, ao consistorio ou enlazar coas liñas de transporte que comunican con Celanova.
Para o Concello de Padrenda aprobou unha axuda de 25.000 euros destinados á realización de traballos medioambientais como o acondicionamento e limpeza das marxes e entorno de camiños municipais e prazas públicas nas parroquias de Condado, Desteríz, Lavandeira, Gorgua, Monterredondo, San Pedro e San Roque de Crespos. O Concello de Pontedeva recibirá 10.280 euros para a redacción do proxecto da urbanización O Valiño e, para o Concello de San Cristovo de Cea, unha axuda de 12.500 euros para realizar actuacións en Oseira que permitirán dotar a este núcleo dunha nova captación de auga potable e acondicionar o palco de música existente na Carballeira de Casledo.
Convenio con Expourense
Na xuntanza ratificouse tamén o convenio de colaboración que a Deputación mantén coa Fundación Feiras e Exposicións de Ourense e que supón unha achega de 25.500 euros para a realización de diversas actividades.