Celanova acollerá do 1 ao 5 de agosto concertos, clases maxistrais, e outras actividades formativas, con motivo deste encontro musical no que a música de vento metal será a protagonista.

Cinco días de música no III Festival Hércules Brass

O Claustro do Mosteiro de Celanova será o epicentro do III Festival Hércules Brass, que este ano contará cun 88% das matrículas de fóra da provincia, asistindo músicos de Francia, América e de distintos puntos de España como León, Salamanca, Segovia, entre outros.

Concertos
En canto aos concertos no claustro estes correrán a cargo do Órgano de San Salvador, Hércules Brass quinteto de metais, Málaga Brass, Airas Ensemble, e Hércules Brass Ensemble. Asemade nas noites de música actuarán a Banda de Música de Celanova e María do Ceo, Aida&Cris, GDjazz 5tet, Deep Mind 4tet e, por último, un concerto a cargo de todo o alumnado.

O prezo das entradas para os concertos é de 5 euros, tendo a posibilidade de obter un abono para catro concertos por 10 euros.

Ademais de concertos entre as actividades programadas para este festival, están previstas varias clases maxistrais de trompeta, trompa, trombón e tuba, impartidas por profesionais de gran recoñecemento e cunha longa traxectoria musical.

Rodrigo Rodríguez, membro da organización do festival, asegurou que “a calidade artística vaise superando en cada edición. Conservamos profesores doutros anos co obxectivo de crear unha escola de formación descontinua, e tamén con novos profesores de gran prestixio internacional como José Luís Sogorb, Severo Martínez, Pablo Dopazo ou José Manuel González”.

Novidades
Entre as novidades deste ano atópase a celebración de clases específicas de música de cámara e orquestral a todo o alumnado a nivel avanzado e daranse pautas específicas para a preparación de audicións. Asemade terá lugar un taller de respiración a cargo do profesor Jesper Boile.