O Pazo dos Deportes “Paco Paz” acollerá o día 28 de xullo, ás 20.30 horas, o partido internacional de fútbol sala entre as seleccións de España e de Exipto.
Na presentación do partido estivo o seleccionador nacional, Venancio López quen comentou que sería o primeiro de preparación para o Mundial que se disputará en setembro en Colombia.
Debido a este encontro a selección permanecerá na cidade do 25 ao 29 de xullo. A selección de Exipto está clasificada para o Mundial e chega como subcampioa de Africa, polo que Venancio vaticina «un partido de moito nivel».
O técnico español recordou que España foi subcampioa nas dúas últimas edicións e campioa nas dúas anteriores. A Colombia irá co obxectivo de lograr un novo cetro mundial. O combinado nacional é o actual campión de Europa.
Prezos
Os prezos das entradas serán de 5 euros para os adultos, de 2 euros para os junior (de 6 a 16 anos) e gratuíta para os menores de seis anos.
Todos os concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes disporán de dez invitacións junior para que poidan vir de forma gratuíta ao partido.
En canto á programación prevista para eses días, o día 27 de xullo, os xogadores da selección de fútbol sala estarán no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” para firmar autógrafos aos afeccionados e sacarse fotos con eles.