Os socialistas presentaron sendos recursos de reposición ás prazas convocadas para a cobertura do posto de Educador Social do CIMM e a contratación dun Médico para a unidade de drogodependencias.

O PSOE de Ourense denuncia que o alcalde quere recuperar a «vella política» de persoal

O Partido Socialista denuncia que o goberno de Jesús Vázquez está a intentar recuper a «vella política» de colocación de persoal da era cabezas con dúas novas contratacións de amigos, familiares e militantes do PP.

Sinala seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero “estes últimos días estamos a asistir a dous novos episodios do intento do alcalde de recuperar a política clientelar que tantos réditos de no pasado ao PP: os novos procedementos de contratación para a cobertura dunha comisión de servizos do posto de Educador Social do CIM e a contratación dun médico interino para a UCA”.

O voceiro socialista manifestou que “no primeiro caso, a cobertura do posto de Educador Social do CIM, a cuestión prantéxase coma unha necesidade urxente, sen xustificar a necesidade nin a urxencia; e igualmente, se establece un procedemento e uns criterios de selección que vulneran os principios de igualdade, mérito e capacidade, xa que a Comisión de Valoración estará composta por tres membros seleccionados pola Concellería de Recursos Humanos, sen precisarse os seus nomes na convocatoria. Asemade, os criterios de selección son demasiado xenéricos e imprecisos, limitándose a requirir: experiencia axeitada as funcións do posto, formación tamén axeitada ás funcións do posto, pero sen precisar ningún sistema de baremación”.

No caso da contratación dun médico para a Unidade de Condutas Aditivas, subliña Barquero que o Colexio de Médicos de Ourense presentou Recurso de Reposición en base a que a convocatoria e o decreto da mesma non se axusta á lexislación vixente e á normativa que regula os procesos de selección e contratación do persoal médico. Nesa convocatoria, na base que regula a composición do Tribunal Cualificador non figura ningún facultativo ou persoa técnica da mesma especialidade á que optan os aspirantes, é dicir, ningún dos membros do tribunal é medico.

En ambos casos o PSOE acordou presentar recurso de reposición, ademais de poñer o asunto en mans dos seus asesores xurídicos.

Rodríguez-Nóvoa
Este, recordou Barquero, «non é o primeiro episodio de prazas ex profeso para militantes do PP», citando a contratación hai unhas semanas do  ex concelleiro popular Francisco Javier Rodríguez-Nóvoa como responsable de Recursos Humanos do Concello de Ourense nun concurso «a medida».