Por segundo ano consecutivo, a XXXI Xuntanza de Gaiteiros terá unha cita nas festas da Ponte. Recordando que foi precisamente neste barrio ourensán onde naceu hai 31 anos este encontro de gaiteiros e bandas de gaita, a Real Banda de Gaitas da Deputación repite a experiencia do ano pasado e volverá levar este evento, declraado de interese turístico e cultural, á ponte Romana. Será o 24 de xullo ás 21 horas, en plenas festas de Santiago do barrio pontino.
O escenario estará colocado no parque situado ao lado ponte Romana, que se atopa actualmente en obras, circunstancia que non afectará ás actuacións, aínda que si limitará o acceso polas escaleiras situadas ao carón da ponte. Con todo, “ese desfile pola ponte Romana vai ser todo un espectáculo”, resaltaba o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, na presentación do evento.
Abrirá o acto a interpretación do himno da xuntanza. Despois, está previsto que actúen a banda Devandoira de Lugo, os gregos de Eugenia Panta, o gaiteiro cántabro David López García, o coruñés Pepe Temprano, Jarig Platinga de Holanda, as cantareiras da Real Banda, o asturiano Daniel García de la Cuesta, o dúo xaponés-galego confofrmado por Mikiko Watanabe e Antón Varela, os portugueses de Lua Nova-Gaiteiros de Mogadouro, e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. No transcurso do evento homenaxearase ao gaiteiro Pepe Temprano, “unha persoa que se dedicou toda a vida a coleccionar gaitas”, explicaba o director da Real Banda, Xosé Lois Foxo.
Como actos previos, haberá unha exposición de gaitas e instrumentos antigos da colección de Pepe Temprano, dede o 22 ao 25 de xul, na Escola Provincial de Gaitas, unha conferencia sobre a gaita no mesmo lugar o 24 de xullo ás 12:30 horas.