A CIG Administración Local informa de que o Xulgado do contencioso administrativo nº 1 de Ourense, en sentenza con data 18 de xullo, vén de dar a razón aos bombeiros do Concello de Ourense que reclamaban o goce dos días de libre disposición, denegados pola Administración Local, permanentemente, polo caixón de xastre das “necesidades de servizo».
Os bombeiros recurrentes alegaron na súa demanda que as resolucións impugnadas foron ditadas por órgano incompetente, así como que a denegación dos permisos, por necesidades do servizo, carecía de xustificación, por canto o Concello demandado utilizaba, arreo, os días de libre disposición, para cubrir a infradotación de persoal no que están sumidos os distintos reténs de bombeiros.
Así as cousas, o xulgado vén de anular as devanditas resolucións do Concello de Ourense por ter sido dictadas por órgano incompetente, declarar o dereito dos recorrentes a gozar de seis días de permiso por asuntos propios no ano, e condenar á Administración demandada a concederlles aos recorrentes, no prazo máximo de dous meses, os días de permiso por asuntos propios que lles foron denegados no ano 2015 por necesidades de servizo; ou subsidiariamente a indemnizalos pola súa perda coa cantidade equivalente á parte proporcional das retribucións correspondentes a un día laborable por cada día de permiso perdido.
En conclusión, a CIG Administración Loca salienta o aspecto positivo que ten esta sentenza «que reforza os dereitos dos traballadores nos concellos desta provincia, que, infelizmente, se ven anulados con decisións arbitrarias carentes de toda lexitimidade e basadas no mero exercicio dun poder que non lles corresponde».