A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá en Lobios uns 350.000 euros, con cargo a fondos europeos, co obxectivo de mellorar o abastecemento desta localidade.
Así se establece no convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez.
As actuacións consistirán na mellora da captación en manancial e execución dunha nova rede de abastecemento nos núcleos de Vilameá e Devesa e nos núcleos de San Paio e Esperanzo. Así mesmo, melloraranse as redes de distribución de abastecemento e levarase a cabo unha mellora da captación de auga no núcleo de Torneiros.
Segundo destacou a titular do departamento autonómico, este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.