A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobou importantes melloras nas infraestruturas da cidade, concretamente en catro camiños do rural e na praza de Covadonga. Grazas á colaboración da Consellería de Medio Rural, que achega 218.714 euros, sanearase e pavimentarase, con mellora da drenaxe superficial e sinalización vial, e limparanse de malas herbas as cunetas dos accesos á parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo, o camiño da Burata a Vilariño, a rúa da Amizade -no polígono de As Coiñás-, e o camiño do Espeto -na zona alta da Farixa-. Estas melloras incidirán considerablemente na seguridade vial e na comodidade de circulación, tanto para vehículos como para peóns.
Mesmo obxectivo é o que persegue o Concelo coa mellora da Alameda de Covadonga, na que se investirán 229.050 euros das arcas municipais. “Potenciarase o uso das zonas públicas e a integración das persoas, incrementando o número de xogos infantís e de elementos biosaudables, aunmentando a oferta de elementos inclusivos dentro do mobiliario urbano e saneando o pavimento de viais incluíndo, entre outras, a poda das raíces das plataneiras que se atopan en zona verde”, aseguraba a concelleira Flora Moure na rolda de prensa deste xoves na que deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.
A zona de xogos diferenciarase en dúas partes: unha primeira para idades comprendidas entre 0 e 6 anos e unha segunda para 6 a 14. A instalación de novos elementos efectuarase sobre formigón e capa de caucho continuo. Igualmente, realizaranse melloras na rede eléctrica e no alumeado.