Para conmemorar o 1.700 aniversario do nacemento de San Martín de Tours, patrón de Ourense, celebrarase un congreso internacional que evocará a figura deste santo, desde o día 14 ao 18 de novembro. No evento participarán recoñecidos e prestixiosos especialistas de todo o mundo, que analizarán a figura deste Santo e a súa influencia na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia da época sueva. A presentación desta iniciativa tivo lugar o venres 22 de xullo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; e os investigadores medievalistas da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga e Artemio Martínez.
Manuel Baltar lembrou que esta iniciativa cultural xa se propuxera na celebración dos Premios Ourensanía 2015, “grazas ao esforzo e o traballo, e sobre todo á proposta científica de dous investigadores medievalistas que hoxe están aquí con nós”, e engadiu, “esta iniciativa fala de Ourense, de nós e do futuro, e converterá a Ourense, no epicentro cultural do día 14 ao 18 de novembro”.
O presidente do goberno provincial destacou que o congreso “reunirá a prestixiosos estudosos da figura e da época da traxectoria de San Martín de Tours, facendo unha homenaxe ao noso patrón e tamén á nosa terra”.
Jorge López Quiroga explicou que este congreso, patrocinado e organizado pola Deputación de Ourense, estruturase ao redor de tres bloques temáticos: a figura de San Martín de Tours, os procesos de evanxelización e os mecanismos de conversión, e unha posta ao día das distintas sedes episcopais que conforman el actual territorio de la Gallaecia. As actividades recollidas no marco deste congreso desenvolveranse en catro sedes da provincia de Ourense, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, no Liceo de Ourense, na Facultade de Historia, e no Pazo de Vilamarín.
No congreso participarán recoñecidos especialistas chegados de dez países do mundo (EE.UU., Brasil, Inglaterra, Francia, Portugal, Austria, entre outros) que se darán cita en Ourense durante eses días, convertendo a Ourense na “capital mundial do ano Martiniano, pois serán tres os congresos que se celebren este ano entorno a esta figura en Tours, Bos Aires e Ourense, sendo este último o máis internacional pola relevancia dos seus participantes e pola súa temática”, asegurou o investigador Jorge López Quiroga.
Esta iniciativa cultural presenta dúas vertentes “ademais da parte científica, realizaranse visitas de estudo aos lugares máis emblemáticos da provincia para poñer en valor a riqueza patrimonial de Ourense”, salientou Quiroga.
En canto ás inscricións, Artemio Martínez explicou que a asistencia ao congreso é gratuíta, sendo o prezo de 10 euros das inscricións en modalidade “libre” e “certificada” que inclúen as visitas de estudo. A última modalidade ofrece a posibilidade de contar cunha certificación de asistencia e de créditos ECTS para os alumnos da Universidade de Vigo. As inscricións poderán formalizarse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” tendo de prazo ata o día 31 de outubro. Toda a información do congreso estará dispoñible a partir de hoxe, na páxina web da Deputación de Ourense.