A Xunta insta aos Concellos de Ourense, A Coruña, Vigo, Santiago e Lugo a adoptar as medidas necesarias para estender ao transporte urbano a gratuidade para menores de 18 anos, en cumprimento da solicitude realizada pola Cámara galega. Así, llelo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mediante unha misiva.
Nestes escritos enviados este martes aos citados concellos, indícase que en sintonía co esforzo que está a facer a Xunta para promocionar o transporte público, o pasado 28 de xuño o Pleno do Parlamento de Galicia debateu e aprobou unha iniciativa instando ao Goberno galego a dirixirse aos municipios que contan con transporte urbano para sumarse a estas condicións vantaxosas para os mozos.
A Consellería de Infraestruturas está a implantar o transporte gratuíto para máis de 200.000 nenos e mozos de ata 18 anos no transporte metropolitano de competencia autonómica, o interurbano.
A Xunta está a impulsar o Plan de Transporte Metropolitano en seis áreas de Galicia, un plan social que ten permitido a bonificación das viaxes de millón e medio de galegos que residen nos 74 concellos beneficiados e un aforro de 45 millóns de euros aos usuarios.
Resposta do Concello de Ourense
Ante esta misiva, o Concello de Ourense anunciou que estudará detidamente as recomendacións da Xunta en materia de gratuidade para menores de idade no transporte público, prácticamente xa asumidas na actualidade neste servizo da cidade. Desde o Goberno local sinalan que o Concello de Ourense é dos que hoxe en día máis bonificacións contan neste servizo, con gratuidade para a mocidade de entre 16 e 18 anos (ambas inclusive), pensionistas, desempregados e persoas con discapacidade.
O concelleiro de Mobilidade, José Araújo, afirmou que “estudaremos con precisión a proposta para poder executala ao máximo, tendo en conta que actualmente estamos en situación transitoria no servizo á espera dun novo prego que regule a concesión municipal”